Saturday 27 de April de 2024

A Pobra promove un curso de socorrismo en instalacións e espazos acuáticos naturais


A Concellaría da Mocidade da Pobra do Caramiñal e Seforgasa unen forzas e impulsan un curso de socorrismo en instalacións e espazos acuáticos naturais. Colaboramos con esta acción formativa conscientes de que, se ben está dirixida a tódalas idades, o emprego como socorrista supón para moita xente nova a súa primeira toma de contacto co mundo laboral por lle permitir compatibiliza-los estudos cun traballo que se desenvolve, fundamentalmente, no verán, explica o concelleiro da Mocidade, Eloy Sobrido, quen engade que a modificación do decreto regulador destes cursos flexibiliza a súa impartición, polo cal se agarda que tamén contribúa a palia-la carencia de profesionais deste ámbito cando se convocan as prazas na época estival. O edil quixo agradece-la iniciativa de Seforgasa, así como a participación da Protección Civil durante algunhas das clases prácticas que se efectuarán.

Pola súa parte, Fabri Vidal, en representación de Seforgasa, informa de que existen varias vías para se inscribir: o enderezo electrónico info@seforgasa.com; os teléfonos de contacto 981843317, 640500667 e 696236200; ou no propio concello, co axente de emprego e desenvolvemento local. O custo establécese nos 450 euros e as persoas aspirantes deberán reunir unha serie de requisitos, como ser maior de 18 anos; posuír, como mínimo, a ESO; e superar unha proba específica de acceso (que validará 120 horas no total).

Persoal especializado encargarase de imparti-lo curso, que se desenvolverá a partir do día 15 de marzo, cunha duración de 120 horas. A teoría será nas instalacións da empresa, situada na zona de San Lázaro, mentres que a práctica terá lugar nunha piscina e contornas naturais. Algúns dos módulos formativos son primeiros auxilios, lexislación, reanimación ou rescate, entre outros.

O horario adaptarase ás necesidades do alumnado.